Friday 03 de May de 2024

Os Fogos do Apóstolo iluminarán o ceo compostelán as noites do 24 e o 31


Por cuarto ano consecutivo, o espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo do 24 de xullo lanzarase de xeito sincronizado desde cinco localizacións co fin de facilitar o seu visionado desde prácticamente todos os puntos de Santiago. Nesta ocasión a empresa adxudicataria do contrato é a catalana Pirotecnia Igual por un importe total de 229.900 euros (IVE incluído).

Un ano máis, o lanzamento dos fogos da noite do 24 de xullo farase desde cinco localizacións distintas: parque Eugenio Granell, parque Carlomagno-Fontiñas, Santa Susana-Alameda, As Cancelas e Monte Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia. Os Fogos comezará ás 23:30 horas e terán unha duración de aproximadamente 17 minutos. En total empregaranse case 2.000 quilos de Contido Neto Explosivo (NEC), máis de 390 quilos desde cada un dos cinco puntos de lanzamento, dos que se farán 1.500 disparos.

Os Fogos arrancarán cunha combinación de tronos e grandes bombas de cor que irá seguida dunha serie de conxuntos con figuras xeométricas e florais, entre outras, acompañados por varios efectos de son e luz para completar o espectáculo.

Con respecto á noite do 31 de xullo, os fogos dispararanse desde un único punto: o Monte Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia. A duración do espectáculo tamén será de 17 minutos e o total de Contido Neto Explosivo (NEC) superará os 2.080 quilos.

A empresa Pirotencia Igual resultou adxudicataria do contrato de “Deseño, producción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico das festas do Apóstolo 2023 do Concello de Santiago de Compostela”, por un importante total, IVE engadido, de 229.900 euros. Polo tanto, encargaranse da proposta técnico-artística, a producción, a realización e a execución dos espectáculos pirotécnicos; e tamén da subministración do material necesario, avalado e catalogado pola Unión Europeo, e fabricado con materiais biodegradables e sen a presenza de percloratos.

Tamén corren a cargo da empresa os traballos de transporte, montaxe e retirada do material necesario, a provisión do material e da maquinaria necesaria para a montaxe e instalación dos fogos, a vixiancia e seguridade de todo o proceso, e a limpeza de todos os restos producidos polo disparo dos artefactos pirotécnicos, entre outros servizos.

Pirotecnia Igual é unha empresa de Barcelona, fundada en 1880, que ao longo da súa traxectoria encargouse dos fogos artificiais e os efectos especiais nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92, FIFA Mundial Brasil 2014, Xogos Odesur Santiago 2014, Fin de ano 2015 Copacabana, ano novo en Valparaíso 2015, ou os primeiros xogos europeos en 2015 de Bakú.

Este espectáculo constitúe unha tradición arraigada na historial local compostelá. As citas documentais máis antigas sitúan a súa orixe no século XVI, cando se iluminaba a praza do Obradoiro con candeas de cores para resaltar o inicio do día do Apóstolo. Xa nos séculos XVII e XVIII aparecen as primeiras referencias ao lume como tal, coa queima dun castelo e o lanzamento de foguetes.

Restricións e recomendacións

Con motivo da celebración do espectáculo pirotécnico dos fogos do Apóstolo en cinco puntos da cidade, haberá restricións circulatorias e de estacionamento nos puntos de lanzamento e áreas próximas. Cómpre lembrar que os fogos se lanzarán dende Santa Susana (Alameda), parque de Carlomagno (Fontiñas), Cidade da Cultura, parque de Eugenio Granell, e As Cancelas.

Quedará establecida unha zona de protección de 120 metros ao redor de cada punto de lanzamento, razón pola cal nos ámbitos que queden dentro deste perímetro non se poderá estacionar a partir das 14:00 horas do luns 24, información que se comunicará durante estes días previos a través de carteis informativos e notas nos vehículos que se vexan afectados. Este perímetro estará debidamente sinalizado mediante valos e cintas.

Tamén se informará á veciñanza e locais próximos da prohibición de entrar nas respectivas áreas de protección e de saír e entrar nas vivendas situadas nesas áreas entre as 23:00 e as 24 h. durante o lanzamento dos fogos.

En canto á circulación, quedará prohibido o acceso de vehículos ao Monte Pedroso (tanto dende Brins como dende a estrada de Figueiras) a partir das 18:00 h do luns 24. Tamén dende as 18:00 h quedará prohibido o acceso rodado á Granxa do Xesto.

No resto de zonas de seguridade dos puntos de lanzamento estableceranse restricións de acceso, estancia e tránsito a partir das 23:00 horas (30 minutos antes do inicio do espectáculo), que estarán debidamente sinalizados e con presenza de axentes da Policía Local, que indicarán os correspondentes desvíos e prohibicións.

Programación

Sábado 22
A programación de mañá arrincará ás 10:00 h coas tradicionais alboradas, nesta ocasión a cargo de AC Pana Raiada. Á mesma hora, dará comezo a programación do “Dron Festival Gaelic GP Mundial” que se desenvolverá ao longo de toda a xornada no parque de Belvís.

A praza da Quintana acollerá o Xacobeo Clarinet Fest ás 11 h e as Xornadas do Folclore, a partir das 21 h, na que se poderá gozar da actuación de varios grupos locais de baile tradicional.

Xa pola noite, os/as usuarios/as da Asociación ASPAS presentarán o musical “Peter, voamos!” no Auditorio de Galicia, espectáculo ao que se pode acudir de balde, previa recollida na Zona C da praza de Cervantes. Tamén haberá actuacións de L.A. no parque de Galeras e da orquestra Foliada d Ases na Alameda.

Domingo 23
As alboradas da AC O Castro de Figueiras abrirán a xornada do domingo que continuará cunha mostra e un obradoiro de danza urbana na praza da Quintana a partir das 12:00 h.

Pola noite, o artista Angel Stanich ofrecerá un concerto na praza da Quintana a partir das 22:00 h. O parque de Galeras tamén acollerá a actuación de Lucía Aldao ás 21:00 h.

Luns 24
As alboradas de AC Xirandana amenizarán a mañá do luns e darán paso ao tradicional desfile de xigantes e cabezudos que arrancará ás 12:00 h da praza da Quintana e chegará sobre as 12:30 no Toural.

Para ir quentando motores para os fogos do Apóstolo, o público poderá desfrutar de varias citas musicais en diversos puntos da cidade: Anxo Araújo no parque de Galeras ás 21:00 h; Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre na praza da Quintana a partir das 22:00 h e á mesma hora, a orquestra Horizon the Show na Alameda.

Martes 25
O Día de Galicia arranca cos actos de celebración da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago que comezará ás 10:00 horas na praza do Obradoiro. Ás 12:30 horas sairá a comparsa de cabezudos do Teatro Principal, lugar que tamén servirá de escenario, a partir das 13:15, da primeira edición do acto institucional ‘Alba de Compostela’, no que se renderá homenaxe a Daniel Lorenzo Santos director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite; e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella.

En canto ás propostas musicais da xornada, o artista Seso Durán ofrecerá un concerto no parque de Galeras a partir das 21:00 h e a Quintana acollerá a actuación de Cimafunk a partir das 22:00 horas.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.